Monday 16 de September de 2024

Un espectáculo combinado de drons e fogos de artificio iluminará o ceo nocturno da Pobra no Nazareno


A Pobra do Caramiñal prepárase para despedi-la época estival co Nazareno, declarada Festa de Interese Turístico Galego no ano 2000, que se desenvolverá do 13 ao 16 de setembro. Ademais do evidente carácter relixioso, conta con numerosas propostas de lecer para tódolos públicos, onde a música ten un importante peso, ademais de incorporar novidades como o espectáculo combinado de drons e fogos de artificio que iluminará o ceo nocturno da localidade no luns 16.

“Temos o firme compromiso de, sen renunciar á súa identidade, redimensionar as nosas celebracións para que vaian medrando a cantidade, diversidade e calidade das propostas de ocio. Por iso teremos os concertos de artistas locais como Maneiro e Human, pero tamén teremos un tributo a Michael Jackson ou as orquestras Olympus e París de Noia. Tamén decidimos innovar conxugando drons e fogos artificiais para un broche de ouro á altura destas festas. E, para que a veciñanza os desfrute en plenitude, recomendamos que se sitúen no propio paseo dos Areos, de fronte ao mar”, destaca da axenda a concelleira da Cultura, Patricia Lojo. No que respecta ao formato organizativo, muda neste 2024. A este respecto, Lojo explica que “como xa avanzamos en anteriores ocasións, co obxectivo de alivia-lo traballo das comisións de festas do noso municipio, cambiamos a fórmula de colaboración. O Concello asume tres días de festexos que se corresponden co venres, sábado e luns, mentres que o domingo é asumido pola comisión á que apoiamos tamén cunha subvención.”

Nesta mesma liña, o alcalde José Carlos Vidal anuncia que se destinan “máis de 100.000 euros para que cidadanía e visitantes desfruten das festas do Nazareno”, das que pon de manifesto que son un referente. Como titular da Concellaría da Seguridade, asegura que se activarán tódalas medidas de seguridade necesarias. Por este motivo, como cada ano, convocarase unha xunta local de seguridade para coordinar todo o dispositivo e que se celebrará na vindeira semana. Con relación ao colofón do luns, apunta que se reformula o espectáculo nocturno ao incorporar o uso de drons.

Pola parte da comisión de festas, o seu presidente, José García, salienta a calidade do cartel deste ano. Entre as agrupacións musicais subliña a presenza da Banda de Música Unión Musical de Valladares, que estará por segunda vez ao completo na Pobra con entre 60 e 65 integrantes. Ten, así mesmo, palabras de agradecemento para as empresas e persoas que colaboran.

Este período festivo iniciarase no venres 13, xornada na que terá lugar o pregón, ás 21.15 horas. Nesa mañá farán entrada na vila o Grupo de Gaitas Xiada e a Banda de Música Municipal de Redondela, ás 12.00 horas, para esta última dirixirse aos Xardíns de Valle-Inclán, ás 13.00 horas, para ofrecer un concerto que se repetirá ás 20.00 horas. E á noite haberá rock con Human e Maneiro, a partir das 22.00 horas, na praza Alcalde Segundo Durán, para acabar cunha disco móbil.

A música tradicional e as bandas protagonizarán o sábado 14. A Banda de Música Unión Musical de Valladares, a Banda de Gaitas San Xoán de Paramos, o Grupo de Gaitas O Son do Pote e o Grupo de Gaitas Xiada farán pasarrúas das 10.00 horas en diante. Estas mesmas agrupacións seguirán animando a vila cara ao mediodía. As dúas primeiras darán un concerto nos Xardíns de Valle-Inclán, a partir das 12.15 horas, mentres que Xiada realizará pasarrúas polo rural e O Son do Pote continuará levando a música ás rúas da vila. Na tarde, ás 19.15 horas, repetiranse as sesións musicais de San Xoán de Paramos e Unión Musical de Valladares, para, ás 21.15 horas, emprende-lo pasarrúas de despedida das agrupacións dende a casa consistorial ata a zona do Castelo. A verbena chegará da man de Trébol, a partir das 22.30 horas, na praza Alcalde Segundo Durán, para dar paso a un dos pratos fortes da celebración: Michael Legend, o tributo a Michael Jackson, á medianoite. Haberá tamén segundo pase da orquestra Trébol e rematarase cunha disco móbil.

O momento máis agardado é a procesión votiva das mortallas, no terceiro domingo do mes, día 15. Sairá da igrexa de Santiago do Deán, ás 10.30 horas, acompañada dunha multitude de fieis. Posteriormente, oficiarase a misa cantada no dito templo. Dende ben cedo, ás 10.00 horas, farán entrada na localidade a Banda de Música Ateneo Musical da Pobra, a Banda de Gaitas Agarimo de Catabois, o Grupo de Gaitas O Son do Pote e o Grupo de Gaitas Xiada, ademais dos concertos nos Xardíns de Valle-Inclán, na praza de Maura e na de Victoriano García Martí, ás 13.00 horas. Así mesmo, os Xardíns converteranse en escenario musical coas actuacións do Grupo de Gaitas O Son do Pote e a Banda de Gaitas Agarimo de Catabois, ás 18.15 horas; o Coro Tradicional Ximiela, ás 19.00 horas; e a Banda de Música Ateneo Musical da Pobra, ás 20.00 horas. Tocará bailar a partir das 21.30 horas con La Oca Band e Olympus, na praza Alcalde Segundo Durán.

Será o momento de despedi-las festas do Nazareno no luns 16, festivo local. Os pasarrúas arrancarán ás 10.30 horas coa Banda de Música de Muimenta, a Banda de Gaitas Os Chaneiros, o Grupo de Gaitas O Son do Pote e o Grupo de Gaitas Xiada (que fará alborada polo rural). Así mesmo, Os Chaneiros dinamizará os Xardíns de Valle-Inclán, a praza de Maura e a de Victoriano García Martí, das 12.30 horas en diante, mentes que O Son do Pote fará o propio polas rúas da hostalaría. A zona da Covecha encherase de cor coa Festa Holi Pobra, ás 16.30 horas. Despois tocará desprazarse novamente aos Xardíns, ás 19.00 horas, para escoitar a tódalas agrupacións. E a París de Noia marcará o ritmo da noite, a partir das 21.00 horas, na praza Alcalde Segundo Durán, para contemplar o espectáculo no ceo nocturno, ás 00.15 horas, como colofón.

Na apartado relixioso, cómpre indicar que durante todo o mes de setembro se celebrarán numerosas cerimonias e a novena.